Wednesday 01 de May de 2024

O Mercado de Moeche encherase de Saaabor! este sábado co humor culinario de Fran Rei e Félix Rodríguez


Ao seu remate do espectáculo, o Concello e os postos participantes sortearán tres lotes de produto entre as persoas que fixesen compra durante a mañá

O Mercado de Moeche dos sábados pola mañá -agás que cadre en día de feira- está consolidado xa como espazo de referencia dentro e fóra do concello para comprar unha chea de produtos de proximidade, sobre todo alimentación en fresco e elaborada. Pan, empanadas, hortalizas, froita, mel, queixos, chacinas, etc., concéntranse nun mesmo lugar que tamén ten unha importante función social como punto de encontro da veciñanza, sexa botando unha parolada mentres se merca ou arredor dun café nalgunha das mesas do bar co que conta o mercado. Ademais, cada certo tempo prográmanse propostas paralelas que son o complemento perfecto para a actividade comercial. Unha delas terémola este sábado a partir das 12:30h co espectáculo humorístico Saaabor!, que chega ao Mercado de Moeche da man da rede Dinamiz-artj. Ao seu remate, o Concello e os postos participantes sortearán tres lotes de produto entre as persoas que fixesen compra durante a mañá.

Saaabor! é un showcooking cheo de humor, maxia e música mentres presenciamos a preparación dun disparatado menú no que os espectadores e espectadoras tamén son ás veces pinches de cociña. Os protagonistas -Félix Rodríguez e Fran Rei- convértense en dous recoñecidos chefs que nos ofrecen pratos para todos os gustos: desde a comida máis práctica e sinxela ata a máis elaborada, sen esquecer viño e sobremesa, elaborando un saboroso menú para toda a familia.

Félix Rodríguez é un actor e músico con ampla traxectoria escénica en compañías como Odaiko, Píscore e Trío Refugallo, que nesta ocasión se complementa á perfección con Fran Rei, cómico que participou en máis dunha vintena de montaxes con compañías como Os Sete Magníficos máis Un, Pallasos en Rebeldía ou Acontrabutaca. Ambos crearon este espectáculo dirixido por Avelino González que é, en definitiva, unha receita chea de sabor que fará as delicias dos padais máis esixentes.

Poderemos presenciar Saaabor! este sábado a partir das 12:30h na nave do Mercado con entrada de balde e sen necesidade de reserva previa. A actividade encádrase na programación da rede cultural Dinamiz-artj, impulsada polo Instituto para Transición Xusta e a Fundación Cidade da Enerxía para a promoción cultural nas zonas afectadas polo peche de centrais térmicas, como é o caso da comarca das Pontes.

Tan pronto como remate o espectáculo -a iso das 13:45h- o Concello e os postos participantes sortearán tres lotes de produto entre aquelas persoas que fixesen compra no mercado ao longo da mañá.